Cuestión de xénero

S.T.A.R. Street Transvestite Action Revolutionaries, que se pode traducir como “Acción Travesti de Rúa Revolucionaria”, foi un grupo político que se constituíu a principios dos anos setenta en New York para articular unha resposta á exclusión e ao illamento que sufría a comunidade trans tanto dende as institucións como dentro do propio movemento gay e lésbico nacente. As activistas trans Sylvia R. Rivera e Marsha P. Johnson, contando coa súa experiencia no movemento de liberación nacional portorriqueña e no poder negro respectivamente, así como nas mobilizacións contra a Guerra de Vietnam, conseguiron levantar unha casa de acollida para aloxar a persoas trans de curta idade da prostitución e das drogas que lles esperaban na rúa, e que elas mesmas viviron.

Os seus testimonios pódennos servir a día de hoxe, época na que por unha parte vivimos un rebrote do odio contra identidades de xénero e orientacións sexuais non heteronormativas, e pola outra un intento de normalizalas e adecualas aos cánones do comercio e o patriarcado dende diversos ámbitos dunha esquerda que se renova, como unha experiencia de acción directa política na rúa e apoio mutuo entre as persoas marxinadas pola sociedade.

Nunha época na que o privilexio estaba en mans duns poucos homes gays (e algunhas lesbianas) brancos occidentais e de clase media, Sylvia e Marsha demostraron que era posible erixir alternativas ao marxe do sistema como forma de loita e supervivencia, sen ter apenas recursos, fontes económicas estables e sufrindo o acoso policial e a exclusión do entorno político. E que a forma de habilitalas pasaba pola autoxestión, a loita de rúa e o compañeirismo.

Descarga en pdf “S.T.A.R.: Supervivencia, revuelta queer y lucha antagonista”, con testimonios de Sylvia Rivera e Marsha P Johnson